Historia

Como comezou todo?

No ano 1975 creouse en Paradela, a nosa parroquia de arredor de 1.000 habitantes e pertencente ao concello de Meis (Pontevedra) o Centro Cultural A Roda Pequena por iniciativa dun grupo de persoas comprometidas e lideradas por Benilde Hermida Domínguez. No seo deste Centro Cultural creouse un grupo de teatro e un grupo folclórico. Foron pasando os anos e a maioría dos rapaces da parroquia fomos formando parte da Roda Pequena, uns por máis tempo e outros máis brevemente pero sempre participando de todas as actividades. Certo día, alá por abril de 1990 Benide díxonos que quería que aprenderamos solfexo para poder formar… un grupo de Rock! Claro, con rapaces de entre 7 e 16 anos accedemos encantados e ilusionados; incluso se apuntou xente de fóra do Centro Cultural.

As clases comezaron en xuño, ao rematar o colexio, e todos os días iamos a clase uns 25 rapaces con Camilo Giráldez, un veciño de 17 anos que era un dos poucos que tiña estudios musicais por alí. Pouco despois destapouse o engano e Benide díxonos que o que en realidade quería facer era unha banda de música. A todos nos deu igual, banda de rock, banda de música, ¡que máis dá! Colleramos un tren e xa non queriamos baixar. Por certo, non había instrumentos e, para incentivarnos díxonos que o que rematara primeiro o libro de solfexo escollería instrumento (había días que ata pasabamos 3 e 4 leccións xuntas). A setembro chegamos uns 18 xa que a non todo o mundo se lle daba ben aquelo e algúns fórano deixando. E apareceron os instrumentos…

Benilde mercou todos os instrumentos e púxoos á nosa disposición. Máis adiante, vendendo rifas, camisetas e con actuacións do grupo folclórico fóiselle devolvendo os cartos e mercando máis instrumentos. Por orde fómolos collendo e así comezaron as clases. Contratouse ao profesor de Metais Manuel Conde e a o profesor de Madeira Casiano Mouriño ámbolos dous da parroquia veciña e que na actualidade seguen sendo profesores da banda.

Había que poñerlle un nome á banda e pensouse no de banda de Paradela, Banda de Meis, pero ao final decidimos poñerlle Banda da Vertula xa que A Vertula é o nome do lugar onde se atopa o Centro Cultural de onde xurdiu a idea. Tamén foi unha forma de protestar e facer ver que non queriamos levar o nome dos que non nos prestaron axuda cando lla pedimos (fálese do Concello de Meis e a Mancomunidade de Montes de Paradela). Isto, por certo, cambiou e moito. Hoxe en día temos unha boa relación con ámbalas dúas institucións as cales nos axudan en todo o que lle necesitamos. Certo é que o nome nos trae non poucos rompedeiros de cabeza xa que a xente se empeña en cambiarnos o nome polo de Vértula ou Bértula que é máis similar ao de Bértola, parroquia de Vilaboa, á beira de Pontevedra (o día que decidan facer aí unha banda de música a propaganda xa a terán feita de antemán grazas a nós)

A primeira aparición en público foi en abril de 1992, na Festa de San Gregorio en Paradela. Alí actuamos 15 músicos dirixidos por Manuel Conde xa que nos primeiros anos Casiano e Manuel compartían as funcións de director para máis tarde quedar Casiano como 1º director. Os pasodobres Chantada, Manoliño e Panxoliño foi o repertorio que interpretamos. Creo que aquelo non soou moi ben pero ¡ben orgullosos que estabamos!

Pouco a pouco os rapaces da parroquia foron entrando a formar parte non só da banda de música, senón do grupo folclórico e de teatro. (Na actualidade, a maioría dos músicos da Banda da Vertula tamén bailamos e tocamos no grupo folclórico A Roda pequena) Coa chegada de máis xente a Banda foi mercando máis instrumentos para eles porque, se non vos destes conta, aquí ninguén ten instrumento musical propio, todos pertencen á Banda. (Exceptuando 4 ou 5 persoas que o mercaron). Así, a xente ven a estudiar ao local de ensaio e, polo tanto, todos os días hai animación por alí. Mentres uns tocan outros esperan xogando ás cartas, falando dos novos ligues, etc. Polo que somos unha banda de música na que non soamente nos xuntamos á fin de semana para ensaiar e ir a actuar, senón que somos verdadeiros amigos.

Outra cousa que tamén nos fai un pouco atípicos e polo que tamén nos coñecen é polo noso vestiario. Se ben agora xa este xa é ortodoxo, nos inicios levabamos pantalón vermello, camisa branca e chaleco negro. Nada de traxe azul con botóns dourados e gravata. Logo o pantalón trocou a granate para rematar no actual traxe negro e gravata gris. O que conservamos aínda é o chaleco.

Actualmente todo o conxunto de actividades que realizamos englóbanse na Asociación Cultural A Vertula (Banda e Grupo Folclórico). O número de músicos da banda é de 40 e contamos con 6 profesores. A escola conta con 50 alumnos dos cales algúns xa remataron estudios musicais e outros estanos a realizar. O noso director segue sendo e queremos que por moito tempo Casiano Mouriño. Temos actuado por toda a provincia, polo Barbanza e tamén en Portugal. Fixemos concertos didácticos no C.P.I. do Mosteiro (Meis) e na escola de música Alfaia de Santiago de Compostela. Colaboramos coa Coral Xuntanza de Meis e co Coro de Santa María de Paradela. Non somos unha banda asídua dos certames ou concursos, polo que no mundiño das bandas adoitamos resultar un tanto descoñecidos. De feito, a nivel de certames, participamos tres veces no Certame de Bandas de Música que realiza a Unión Musical de Lantaño e, no tocante a concursos, participamos no ano 2008 no I Certame zonal de bandas de música organizado pola Deputación de Pontevedra na sección terceira e no cal obtivemos o 1º premio. Moito máis recentemente, vimos de participar por primeira vez no IX Certame provincial de bandas de música organizado tamén pola Deputación de Pontevedra na sección terceira e no que acabamos de obter tamén o 1º premio. En breve participaremos no III Certame Galego de Bandas de Música Populares que se celebra en Santiago de Compostela.

Advertisements

2 respostas a “Historia

  1. Gore

    A mellor banda jeje

  2. esta banda e un éxito BANDA DA VERTULA a mellor banda que conocin.jeje

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s